Consellería de Política Social

Inicio > Portada > Temas > Discapacidade > Atención temperá > Preguntas habituais

Preguntas habituais

 

1. Que é a atención temperá?
Enténdese a atención temperá como un conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e ao seu contorno, e que ten por obxectivo dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e as nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social.


2. Cal é a clave da atención temperá?
Podemos dicir que a clave está na palabra temperá; canto máis axiña se detecten as posibles dificultades, mellores resultados se poden obter da atención profesional. Así é que as familias deben estar ben informadas sobre o proceso evolutivo normalizado dos seus fillos e fillas, para poder detectar calquera dificultade coa maior prontitude.


3. Que ofrece a Rede galega de atención temperá?
Nos servizos de atención temperá ofrecerase unha intervención biopsicosocial que favoreza a adquisición ou a recuperación de funcións e de habilidades persoais e sociais para a mellora da autonomía, da convivencia social e familiar e da inclusión social.


4. Que son os trastornos do desenvolvemento?

Son situacións nas que, como consecuencia dunha alteración das estruturas ou funcións corporais, de restricións na participación social ou a causa de factores do contorno, se produce unha desviación ou atraso significativo no desenvolvemento das capacidades, adquisicións e recursos persoais típicos nos nenos e nenas.


5. Que se denomina risco de trastorno do desenvolvemento?
Enténdense por situacións de risco de padecer un trastorno no desenvolvemento
aquelas circunstancias de vulnerabilidade evolutiva que requiren intervención pola descompensación negativa entre factores de risco e protección.


6. A quen se dirixe a atención temperá?
Aos nenos e nenas de 0 a 6 anos con trastornos no desenvolvemento ou en situacións de risco de padecelos, residentes na Comunidade Autónoma de Galicia, así como ás súas familias e ao seu contorno.


7. Quen desenvolve a atención temperá en Galicia?
A atención temperá en Galicia é unha competencia compartida pola Consellería de Política Social, a Consellería de Sanidade e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que, cos seus equipos de intervención, forman a Rede galega de atención temperá. Esta rede dispón duns equipos interprofesionais que, dependendo do diagnóstico realizado, abordarán o caso desde unha ou outra especialidade do equipo.


8. Cal é o procedemento para recibir atención temperá?
A familia deberá acudir ao servizo de pediatría do centro de saúde que lle corresponda e informará o pediatra da sospeita de trastorno do desenvolvemento.
Será este profesional quen fará o diagnóstico previo, en función do cal derivará a familia á unidade de atención temperá máis axeitada para o caso.


9. Quen pode informar dunha sospeita de trastorno do desenvolvemento nun neno?
Na maioría dos casos son as familias as que presentan a sospeita dun trastorno do desenvolvemento, pero nalgúns casos estas situacións detéctanse nas escolas infantís, nos servizos sociais comunitarios ou mesmo por outra instancia que trata o menor e a súa familia. No caso de que a sospeita se detecte fóra do ámbito familiar, debe informarse a familia e/ou as persoas responsables do neno ou nena para que acudan ao servizo de pediatría, que iniciará o procedemento que corresponda.


10. A onde debo dirixirme para obter máis información?
Podemos dirixirnos:
Ao servizo de pediatría que, ademais de informarnos, será quen faga a primeira valoración e derivará a familia á unidade de AT que lle corresponda.
Ao profesional de referencia dos servizos sociais comunitarios do concello de residencia, traballador social municipal, que nos informará do procedemento e dos recursos sociais sobre a situación que se lle formule.
Ao servizo de orientación do centro educativo no que estea matriculado o neno ou nena

 

Atención temperá