Consellería de Política Social

Inicio > Portada > Recursos > Plans e programas

PLAN DE ACCIÓN INTEGRAL PARA AS PERSOAS CON DISCAPACIDADE DE GALICIA, 2010-2013

  • Descrición
    INTRODUCCIÓN DO DOCUMENTO
  • Descrición longa:

    Este documento presenta o Plan de acción Integral para as persoas con discapacidade de Galicia, 2010-2013 (PAIPDG), a través do que se pretende avanzar na consecución da plena participación das persoas con discapacidade na sociedade e na integración das cuestións que máis afectan a este colectivo en todos os ámbitos de actuación.
    Téñense realizado importantes avances nos últimos anos en canto á atención das persoas con discapacidade en Galicia, pero non foi posible chegar a un consenso entre os diferentes axentes que interactúan na elaboración dun instrumento que permitise recoller unha resposta integral ás necesidades deste grupo de poboación. A nosa sociedade experimentou cambios significativos e producíronse avances normativos que esixen unha adecuación das actuacións en curso e o deseño doutras novas. Pola súa parte, as institucións da Unión Europea elaboraron diversos documentos para orientar as políticas no ámbito da discapacidade.
    Por todo iso, o Goberno Galego aborda a elaboración, desenvolvemento, seguimento e avaliación deste Plan de acción como importante obxectivo na presente lexislatura, porque constitúe unha prioridade conseguir a igualdade real das persoas con discapacidade con respecto ao resto da cidadanía.
    É necesario concentrar esforzos cara a este obxectivo transversal de igualdade, de aí a importancia de contar cun instrumento de planificación integral no que se recolla a resposta ás necesidades actuais e que nos axude a prever, ordenar e planificar as actuacións dos próximos anos, en cuxo deseño e desenvolvemento se impliquen activamente todos os axentes sociais e departamentos administrativos con competencia naqueles ámbitos que afectan ás persoas con discapacidade.
    Ademais, este plan contou desde o inicio mesmo do seu deseño coa participación do movemento asociativo, como representante das persoas con discapacidade que deben ser consultadas como partes implicadas nos procesos de toma de decisións que teñen unha repercusión na súa vida.
    Este documento estrutúrase en varios capítulos. Un primeiro capítulo describe o contexto no que se deseña o plan, o marco conceptual e de referencia, onde se explica que se entende hoxe en día por “discapacidade”, así como a importancia dos dereitos fundamentais como eixo das políticas de intervención neste ámbito. Preséntase, así mesmo, un resume e análise de datos estatísticos que dan idea do alcance do Plan en canto que se cuantifica a poboación con discapacidade en Galicia e se da conta do seu perfil.
    No capítulo segundo defínense os principios nos que se inspira o plan e explícase a estrutura deste. Así mesmo enuméranse as áreas de actuación consideradas prioritarias e de urxente intervención desde a perspectiva dos obxectivos xerais, que tamén se definen. Para cada área e obxectivo xeral sinálanse cáles son os obxectivos específicos, como metas a acadar polo goberno galego no ámbito en cuestión.
    As áreas, obxectivos xerais e específicos que se resumen no cadro correspondente responden ao traballo realizado por un equipo creado para tal cometido e que estivo constituído por representantes do movemento asociativo e por persoal da Dirección Xeral de Dependencia e Autonomía Persoal – Consellería de Política Social, como departamento administrativo promotor do Plan.
    O terceiro capítulo responde ao proceso de definición e priorización de actuacións específicas para cada unha das áreas definidas, froito do traballo conxunto de todos os departamentos administrativos con competencias nas diferentes materias que contempla o Plan, respondendo, deste xeito, ao principio de “cooperación e coordinación institucional”, que forma parte do decálogo de principios reitores deste plan de acción. Nese proceso de definición e priorización contouse, ademais, coa participación das entidades de iniciativa social, en resposta ao principio de “diálogo civil”, segundo o que as organizacións representativas de persoas con discapacidade e das súas familias, participaron no proceso de elaboración, como partes implicadas no deseño das políticas, así como na súa, posterior, execución, seguimento e avaliación.
    Este capítulo constitúe o núcleo do Plan en canto é onde se describen todas e cada unha das áreas de intervención definidas. Para cada área inclúese:
    Un primeiro apartado (Fundamentos e descrición), no que se argumentan os motivos de inclusión desa área concreta, en base aos datos estatísticos dispoñibles e/ou outro tipo de información relevante, segundo proceda, xustificando debidamente os obxectivos específicos perseguidos nesa área. Un segundo apartado (Desenvolvemento: obxectivos específicos e actuacións), no que se describen as actuacións que se porán en marcha para a consecución dos obxectivos formulados e que son o resultado do consenso acadado nos grupos de traballo especificamente creados para tal fin constituídos por persoas expertas en cada materia e nos que estiveron representados, tanto a Administración, como as entidades de iniciativa social do ámbito da discapacidade, entre outras.
    Unha descrición do método de seguimento e avaliación do Plan constitúe o obxecto do capítulo cuarto, dada a importancia que estes procesos teñen no deseño e planificación das políticas sociais.
    Por último, no apartado de anexos inclúese unha breve explicación do procedemento metodolóxico adoptado para a elaboración do Plan, así como a relación dos departamentos administrativos e entidades participantes en cada área de actuación (Anexo 1), un cadro resume das actuacións por cada área sinalando a súa distribución temporal durante o período de vixencia do plan (Anexo 2) e unha relación da normativa específica de discapacidade máis relevante no ámbito internacional, europeo, estatal e autonómico (Anexo 3).
    Cómpre destacar o compromiso das diferentes Consellerías da Xunta de Galicia na definición das actuacións a realizar polo Goberno Galego nos próximos anos, tendo en conta a necesidade de avanzar na calidade dos servizos, na promoción da vida autónoma, na accesibilidade universal, na inclusión da perspectiva de xénero e na protección e promoción dos dereitos humanos e liberdades fundamentais. Todo isto coa finalidade de provocar unha toma de conciencia da discapacidade como parte da diversidade humana.